Galicia, Galicia, Galicia

Concello de Moeche | O estandarte do Antigo Reino de Galicia e a ...

Fonte

Acabando Fariña, marchan os satisfeitos fiscais e queda a dicir Darío Castro, o investigador galego: “Non entendestes nada”. Con todo o que me leva acordado estes quince días, onte pola noite volveu a sentenza estrepitosamente ao que escoitaba un programa na radio española. Acababa a política nacional vasca de acadar 53 deputados sobre 75, o deles era furgar nos problemas de Casado e de Podemos: unicamente unha entrevista a Arnaldo Otegi, súbita e perfectamente civilizada, suxeriu que determinada fixación arcaica pode ir camiño de esvaer. Acababa a política autóctona galega de asegurar 60, todo eran os modelos no PP español e o desastre de Podemos. Non entenden nada, non. Nin sequera unha palabra.

Resulta fácil explicar o acontecido, tan doado que ata escandalizará. Galicia é unha nación, adoitabamos repetir arreo hai catro décadas, e é costume que o suxira cando tocan cousas do máis propio ou específico. A campaña do gañador nas eleccións descarouse absolutamente en tal sentido, exceptuando unha elusión dese termo que el reserva explicitamente para España: pero cada un dos lemas e iconas, unha boa parte do que indica e o que elide conducen a unha forma de identificación galega. Quen quedou segunda en votos, e viña liderando implicitamente a oposición, non precisaba esforzarse en afirmar galeguismo, porque xa se lle supón, tanto coma valor aos soldados de antes na cartilla militar. Canto ás dúas forzas no goberno español, era difícil distanciarse deste pero pouco se esforzaron en tan sequera distinguirse. E pasou o que pasou.

Non é que o devandito sexa todo, desde logo. Resultan innegables o uso da maquinaria do poder político, o apoio dos fácticos, a auréola gobernativa que tanto ven en Madrid e abondo estraña aquí: isto para o vencedor absoluto. É claro que sobre a outra gañadora coincidiron moitísima expectativa e compracencia: a do progresismo arelante de mudanza, feminismo e movementos sociais. O presidente español seica avariou o avión, foi o ramo dunha campaña onde parecía con gana case unicamente o candidato. O famoso espazo de ruptura está ben roto, definitivamente percibido como inservible en Galicia. Factores que moven de seu milleiros e milleiros para acó, para aló ou en bambaneo. Pero non acaban de explicar a magnitude do acontecido, a entidade cuantitativa nos dous primeiros: visto o visto, despois de todo o que pasara, debo colixir que en abril igual non era moi distinto.

Abráianos. A xestión non é tan boa, dicimos. É mala en realidade, precisamos, o presidente adoita delegar cando hai asunto complicado, pedir que llo solucionen. Os números do país en demografía, cultura ou economía descenden sen pausa, os mozos emigran, a situación dos que quedan desmellora. A xente de aquí non é parva ou iletrada, a grande maioría censual ten xa estudos medios como mínimo. Lerán máis ou menos prensa ou libros, mirarán fútbol e irán a verbenas, poden entender un argumento cando alguén llelo explica. Moitos non se encontran suficientemente interpelados para ir votar. Dos que si, máis ou menos unha metade reiteran apoio ao de sempre. Na contadísima ocasión onde foi posible mudanza de goberno, viuse que foi tamén perfectamente transitorio. Hai algo que todo tipo de ensaios e acometidas non dá conmovido.

Camiño dos setenta anos, case cinco décadas con intención política, un xa non pode máis ca aventurar intuicións. A nacionalidade implícita é unha, desde logo. Outra, percepción de que este é un país con gran fondo cristián non clerical, proclive a xustiza social non socialista pero aínda menos ultraliberal. Escasamente refractario, xa, á modernidade. Minoritariamente inclinado á extrema esquerda e aínda menos á extrema dereita. Quen queira chegar a gobernar con certo percorrido poderá concordar pouco nalgún destes extremos, pero non deberá manifestarse incompatible. Habería que buscar o puntiño e ningunha das forzas alternativas, por carácter ou detalle, parece en disposición. Eu creo que gañan os que gañan, ao final, porque se mostran como o menos afastado do sentido máis común. Onte, viuse estabilidade na parte gobernante, redistribución na opositora e que unha proposta diferente, pero tamén intempestiva, non chegaba a tres mil votos. Inapelablemente, é o que hai.

Superado o transo, vén unha lexislatura que pode volverse interesante. A forza de goberno vai tentar seguir como anda. A líder alternativa -auténtica oda ao valor do traballo, sensatez e sentido institucional- podería quizais mover algo a súa marca en dirección máis larga, pero nin se ve probable nin carece de risco. O terceiro tivo unha comparecencia encomiable e parece animoso. Quen queira facer algo fóra diso, ha de ter que sachar o que non está escrito. Ideas perfectamente impugnables, desde logo, que fun tecendo trala cea, entre números e unhas copas de mencía, e ata agora hai un momento. Había tempo que non era tan sinxelo facer un artigo.

Deixar un comentario