Caras dun tempo

Van maiores. Son figuras doutro tempo, aínda que a súa proxección chegue ata este. Marcaron a evolución do galeguismo de esquerda deica a relativa madurez en tales movementos. Na foto aparecen dous, pero sen dúbida había haber tres. Lin que o terceiro se abstivo de figurar, noutra instantánea, canda un destes. O aniversario corenta do BNG, a cifra en si e maila evidencia dos rostros novos e protagonistas, enfatiza o status emérito dos antigos altos representantes. Non está, logo, fóra de sitio reeditar o balance e o perfil que foron e fomos tracexando sobre eles. Reeditalos: igual poden ir collendo traza de definitivos.

Nogueira polo menos, xaora, semella moi retirado de calquera actividade e influencia políticas. O liderado indiscutible que exercera sobre unha parte do nacionalismo, o propio intento de encabezar a fronte, cadran tan lonxe que moita xente xa terá de todo iso noción ben esvaída en todo caso. E porén, a máis do seu labor de estudo e pensamento, varios esteos fundamentais na práctica política do actual Bloque levan o seu selo ou acabaron dándolle a razón tras seren longamente criticados no Bloque de antes. O valor da institución autonómica como marco pragmático e simbólico do autogoberno, tamén como ferramenta para o avance posible nunha perspectiva nacional. A proxección europea, ámbito de onde Galicia non debe abstraerse e no que, pola contra, pode significarse. Engadamos que, cando puido e seguramente de motu propio, practicou un achegamento a lusofonía con resón imposible de agachar ou ignorar. Dentro do galeguismo político, no seu imprescindible optimismo, o Camilo seguramente hoxe por hoxe deixou boa lembranza para case todo o mundo que o dea valorado.

En tal sentido, é un caso precisamente contrario ao dos outros dous, probablemente inversos ou máis ben complementarios entre eles canto a encomio e relutancia no corpo social do nacionalismo de esquerda. Quen estima altamente un, en ben casos rexeita bastante o outro. E vice versa. Rodríguez, por caso, foi home de partido, vontade aparentemente férrea, claridade na súa mira nacionalista, dedicación indesmentible. Nunha organización carente de apoios mediáticos, cun percorrido a miúdo antisistema e, xa que logo, obxecto de antipatía e presión externas, resulta totalmente lóxica a adhesión e simpatía a quen encarna a virtude talvez máis apreciada, unha coherencia interna e vontade de resistencia tantas veces cifrada verbalmente como ‘liña correcta’. Pero tamén o desapego dos que repudian ou ven contraproducente certa rixidez, tal aparente autosuficiencia, así como o indiscutible dominio do partido sobre a fronte. O Paco ten abondo inimigo ou antipatizante, por veces seica presto a discutirlle pan e sal. Ora ben, dificilmente se lle dará negado entrega, mesmo eventual brillantez como deputado, e o seu esforzo de construción teórica. Agora sobre a Idade Media, traballo que aínda non coñezo.

A do sempiterno dirixente da UPG é figura ben representativa do esforzo militante que resultou factor imprescindible, anos noventa, para o progreso social e electoral da organización política de masas cara ao que é agora. O outro factor máis básico foi precisamente o derradeiro personaxe desta historia, vulto maior en termos de impacto social e, non convén agachalo, tamén nacional. Conexión do patriotismo de esquerda co galeguismo histórico, o anticolonialismo internacional ou o altermundismo. Autor dalgún clásico que foi auga viva en tempo de grande secura. Vector da primeira e fundamental expansión do BNG a base de brillantez, xenio persoal, modernidade. Ego así mesmo de inxente proporción, con reberete posible de arroutada ou capricho. Quixérono declarar ‘amortizado’ e, revirándose, a pouco non afunde electoralmente a organización que liderara. Confiou a miúdo en quen probablemente non debía, remata a vida política en lugar menor, sendo obxecto de desprezo resentido por partes que antes seguramente o admiraran. Tanto ten: na historia galeguista, os seus éxitos e fracasos ocuparán varias páxinas; o discurso dos denigradores finais, esquecidos de todo o precedente, igual non supera liña e media.

Houbo aínda un rostro que, noutrora, parecía prometer protagonismo alto, botouse de fóra e quedou no parnaso. Aínda estivera e marchara coma min, aínda que non exactamente polo mesmo, naquel acto fundador hai corenta anos. A vida continúa, ten o presente outras facianas e os daquela facemos por lembrar. Leven os de hoxe, día do aniversario, o meu parabén.

Deixar un comentario