Valença sen galegos

Fonte

Aínda andamos en rebumbio polas eleccións de domingo. Nomeadamente a suba da extrema dereita, solidificada no 2022 en partes onde outrora tiveran hexemonía as candidaturas que nucleaba o PCP, estendida agora, canto a obtención de deputados, ao conxunto do territorio. Haberá a quen lle estrañe, pero resulta inequívoco: resisten a eclosión ultra os distritos con implantación da dereita clásica máis ca os de vella maioría comunista. Ou resistían.

O Chega ten deputados desta volta en todo o norte quitando o distrito de Bragança, o único de todo Portugal onde quedaron a cero. Pero a porcentaxe de voto é menor ca no sur e a maior parte do centro. A demarcación de Viana do Castelo, por caso, deixounos cun dezaoito e pico por cento fronte a máis dun vinte e tres na de Santarém e dun vinte e sete no Algarve. Ora ben, son dous os concellos onde chegan máis alto, con diferenza, nesta parte minhota: Vila Nova de Cerveira dálles máis dun vinte e cinco por cento; en Valença do Minho quedan a medio punto de gañaren.

Non esperaba eu de ningunha maneira esta emerxencia da extrema dereita, pola historia recente e a miña noción sobre talante en portugueses. Ora que aínda menos contaba con que en Valença, aí ao ladiño, onde se anda de memoria, quedasen a corenta e catro centésimas do triunfador centro-dereita. Non o entendo, sobre todo non entendo por que precisamente aquí. E unha ocorrencia mental, considerada improbable a priori, colle volume de certa posibilidade. Traza de pesadelo.

Coñecemos o sitio, traspasamos arreo os muros da fortaleza, entramos nas tendas, ímoslle á feira. Cal motivo, cal dos puntos do programa ou inclinacións do Chega atrae especialmente case un terzo dos votantes? E poderá haber unha enxurrada de antipatía contra o visitante, certa corrente de alegada xenofobia en relación con quen lles enche as rúas?

Non vexo eu os comerciantes valencianos en insurxencia contra os seus clientes, veciños, factor aparentemente básico da economía local. Aparenta absurdo, pero tan absurdo era para min relacionar esa vila cun 29’56% de voto aos ultras. Sobre once puntos por riba da porcentaxe no distrito.

Cómpre seguir indo, seguramente non tarde, co modo empático e familiar de sempre. Somos os de sempre, por máis que a face torva que se vai facendo tan común en Europa nos chegase ao pé da casa. Intentemos comprender.

Deixar un comentario