Antroponimia cultural

Libros de segunda mano: XAN MONTES, O MÚSICO ESQUENCIDO //// (NO CONSTA AUTOR) - Foto 1 - 29074444

Fonte

O centro ao que estiven adscrito trinta e dous anos leva nome controvertido. Hai uns días, volvín ler que o titular nunca tivo outro que non fose Juan, nin sería chamado en Lugo máis ca así ou Juanito. Que en vida se usaba con el o hipocorístico xa o lera tamén, seguramente é certo. Canto ao nome de pía castelán, era sen dúbida oficial e de uso, pero dubido seriamente sobre a exclusividade presumida con base en dous argumentos. Primeiro, o corrente e popular da forma Xan, moi habitual na miña mocidade e que lles hei dicir sobre o século XIX. Segunda, no 1890, ano de gran éxito e recoñecemento para o compositor, o número 50 d’A Monteira dedícalle varias páxinas, con extensión biográfica, imaxe, partituras, tres poemas e outra referencia: o apelativo xeral rexistrado é Xan Montes, como tamén o doutros poemas galegos no tempo. A cousa aínda chega polo menos deica o 1978, cando o instituto -oficialmente “Juan Montes”, ben seguro- publicaba un opúsculo cuxa portada poden ver na cabeceira deste artigo. A forma actual do epónimo vén da galeguización e normalización antroponímica.

Este empeño de galeguizar seica debe ter patente desde as Irmandades. Por aí un século irá, logo. Xerou algunha situación difícil, certo asistente a un banquete lugués, apelidado ‘del Busto’, seica aparecera nomeado como ‘da cintura pra riba’ mutatis mutandis. Pero era operación con moito sentido onomástico e político de seu: pasar a Freixeiro un administrativo ‘Freijeiro’ restituía; proliferaren Xosé, Ánxela, Uxía ou Breixo contrapoñía a oficialidade obrigatoria en castelán. Persistiu no tempo, fíxose norma case universal no mundo literario galegófono, marca de probable antifranquismo nos anos finais dese período. Polo mesmo e outros motivos, suscitou abonda e reactiva oposición máis ou menos instintiva, menos ou máis consciente. Isto chega deica o século XXI.

Globalización e plurilingüismo marcan o tempo de agora tamén na onomástica persoal: pódese chamar calquera de calquera maneira, non atraerá atención sobexa. Xorde aquí, por outra banda, a estimación dun factor histórico por veces vinculado a lusofilia ou lusoescolla. Xente hai que transcribe o seu apelido como Neyra. É tradición xenuinamente galega Feijóo, sen dúbida, representando esa letra actualmente allea ao sistema un son fricativo palatal primeiro sonoro, despois xordo: pronunciado actualmente, logo, coma Feixó. Algún escritor reintegracionista asina José. Ora ben, cómpre non se confundir, a inmensa maioría do país, incluíndo a cifra millonaria que xa estudou galego, pronunciará tales iotas coma en español.

Levar nome galego, felizmente, deixou de ser tan minoritario e sinalador como era hai corenta anos. Pero, na tesitura da lingua do país, encontrarmos Rexina, Xoán, Henrique ou Icía continúa normalizando, e restaura escribir o apelido como Seixas principalmente porque ‘Seijas’ é deturpación. Usar e poñer nome galego segue a constituír factor digno de encomio, posible militancia, razoable sería abundaren en Galicia moito máis. Que haxa arestora refluxo, e ben parece haber, para nada resulta boa nova.

Por iso entendín o sentido da alarma en certo texto crítico, parágrafo oitavo. E podo entender tamén apegos diverxentes, por máis que seguramente levaría a (contra)crítica, se tal, doutra maneira. O tempo cultural anda en polémica tan rachada, que reiterar algún extremo de historia e política lingüísticas igual non sobra. Facer de ponte igual xa é moito antollo, non sei se quererán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s